Singapur

Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar. Dende que as illas comezaron a estar habitadas no século II, Singapur formou parte de varios dos imperios que habitaron a zona, acollendo a partir de 1819 un posto comercial da Compañía Británica das Indias Orientais co permiso do Sultanato de Johor. Os británicos conseguiron a soberanía sobre a illa en 1824, converténdose nunha das Colonias do Estreito en 1826. Ocupado polos xaponeses durante a segunda guerra mundial, Singapur declarou a súa independencia en 1963, uníndose con outros antigos territorios británicos para formar Malaisia. Con todo, volveu declarar a súa independencia tan só dous anos despois. Dende entón, o rápido e gran crecemento da súa riqueza converteuno nun dos chamados Catro tigres asiáticos. Singapur é hoxe o cuarto centro financeiro mundial e o seu porto un dos cinco máis activos do mundo. A súa economía depende en gran medida das exportacións de bens e da refinación de importacións, especialmente no sector manufactureiro, que constituían o 26% do seu PIB en 2005. En termos de paridade de poder adquisitivo, Singapur ten a terceira renda per cápita máis alta do mundo. Politicamente, Singapur é unha república parlamentaria pluripartidista unitaria cun sistema de goberno de tipo británico parlamentario unicameral. O Partido de Acción Popular gañou tódalas eleccións dende o autogoberno en 1959. Pouco máis de cinco millóns de persoas viven en Singapur, das cales tan só 2.910.000 naceron no país. A poboación é moi diversa, sendo case o 75% da poboación total de orixe chinesa, mentres que os malaios e os indios forman as minorías máis significativas. Como reflexo desta diversidade, o país conta con catro linguas oficiais: o chinés, o inglés, o malaio e o támil. É un dos cinco membros fundadores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), anfitrión da Secretaría da Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) e membro da Cúpula de Asia Oriental, do Movemento de Países Non Aliñados e da Commonwealth.


Developed by StudentB